Corazão e Cinzas


Dos engados de Arlindo Silva.
Por Xosé M. Buxán Bran


Faro de Vigo, Quinta-feira 3 de Abril 2014.

Coração e cinzas
De Arlindo Silva
Guimarães, Centro Cultural Vila Flor
De 25 de Janeiro e 6 de Abril de 2014.



Fotografía ou pintura? As moitas conexións e imbricacións que foron sucedéndose ao longo do tempo entre ambas disciplinas fan que esa vella cuestión xa resulte agora bastante obsoleta. Tanto debatir sobre as bondades ou miserias dunha ou outra expresión artística non fan senón descubrirnos que, en realidade, e contra o que poidera parecer, ambas teñen demasiadas conexiones, que os supostos antagonismos non son tais e que, ao cabo, ambos medios artísticos veñen sendo en realidade caras da mesma moeda. Unha guerra dialéctica, de pensamento e de procedemento, e tambén de corazón, que vén durando moitos anos e que revélanos, a fin de contas, que non existe caso e que esas liortas son produto precisamente da súa enorme proximidade e de tanta mutua dependencia. Porque desde a aparición da fotografía pintores e fotógrafos van, quéiranno ou non, no mesmo barco e xustamente por mor desa conviviencia e vecindade vén tanta trifulca. Velaí, pois, as Fotografías procurando facerse pinturas aínda sen recoñecelo e as Pinturas ensoberbecidas que, ao seu pesar, e en cada paso que dan, imitan ou usan das fotografías.
Coido que Arlindo Silva (Figueira da Foz, 1974) que vive e traballa no Porto pertence a eses pintores desacomplexados que fan “pintura pintura” que é, á vez, “fotografía fotografía”. Cunha técnica extraordinaria no seu hiperrealismo impecábel e minucioso pinta cadros que son unha demorada recreación artesanal nas bondades do óleo en contacto cunha pincelada delicada e coidadosíma con moitas horas de taller. Pero o que o noso ollo e o noso cerebro de espectadores ve máis parece unha instantánea fotográfica que pintura. E ademais esas “fotografías”, que en realidade non o son, semellan “realmente” instantáneas inmediatas feitas de xeito amateur e rápido, sen requintamentos artísticos, sen “modelos” e pousados. “Pura fotografía” gratuíta, xurdida do pracer de fotografar a esgalla sen formalismos e composicións.
Resulta moi interesante ver como esas fotos loucas e anárquicas que, de certo non están, máis que imaxinamos como absolutamente existentes, mudan en pintura sobre lenzo da mellor Academia pictórica. Velaí os paradoxos e tamén, sen dúbida, a clave de bóveda do proxecto artístico de Arlindo Silva que converte dese xeito á súa obra, en algo moito máis que pintura hiperrealista ou figurativa, en algo moito máis que pura fotografía popular a representar o cotián. Nesa fusión de contrarios do académico e o banal, do óleo e a polaroid inexistente mais intuída radica a maxia e o engado deses cadros.
Logo está  o asunto temático desas pinturas todas que retratan seguramente a compañeiros de piso de alugueiro, quizais estudantes universitarios (acaso do Programa Erasmus?) e secadra amigos. Vémolos aí, emborcados nos sofás, debruzados nos leitos, mergullados nas bañeiras deses apartamentos vulgares e descoidados no transcurso de festas e troulas diarias, bebendo moito, fumando, rindo, ás veces durmindo, ou se cadra só peneques. Camaradería masculina de homes novos que linda case sempre no eros homosocial, porque están descamisados e abrazados, ou bañándose na piscina de noite, ou porque simplemente amosan a beleza descarada e desinhibida da xuventudes. No principio, seguramente tratouse só dun relato fotográfico feito de instantáneas disparadas por calquera dos presentes, axiña compartidas nas redes sociais, e sen outra pretensión que acreditar e lembrar na felicidade e no orgullo dese acto festivo, deses amigos, deses risos con flashes cegadores, con posturas e mocas imposíbeis, con rostros e corpos novos bañados de risa, alcohol e comida basura. Pero logo, cando o Arlindo Silva levou iso á tea e ao óleo, o acto intranscendete convértese de súpeto en homenaxe e memoria, e o efémero e temporal veu rozar o eterno. De aí que intitulase a este proxecto expositivo Coração e cinzas, porque o finísimo pincel, o óleo e o lenzo converteron esas imaxes que eran memoria e cinzas nun fondo latexar de corazón vivo que segue a bombear sangue e pintura, para reivindicar as cinzas e o pó mortal daquelas fotografías que xa non están.

O CENTRO CULTURAL VILA FLOR
O Palácio Vila Flor, é un magnífico edificio do XVIII, cun delicioso xardín desa época. O nome da Quinta serviu de marca para denominar a todo o complexo contemporáneo do Centro Cultural, que ergueuse ao seu carón e conta con 2 auditorios e inaugurouse en 2005. O CCVF (www.ccvf.pt) é de propiedade municipal e afianzouse como unha das entidades do noroeste peninsular máis dinámicas na súa variada e moi rica programación cultural. O vello palacio,  por desgracia completamente remozado no seu interior, por mor dos diversos usos que padeceu ao longo do tempo, conta cunha programación estábel de arte contemporánea. Dividido en dous pisos, a área expositiva ten unha dimensión total de 1000 m2.  Posúe ademáis unha coidada liña editorial (tan rara hoxendia) da que da conta o catálogo agora dedicado a Arlindo Silva no que escribe Miguel Von Hafe Pérez, actual director do CGAC de Santiago de Compostela. Só un detalle: a cultura non pode ser de balde, mais seguramente o prezo de entrada ás exposicións no Palacio de Vila Flor, 2 euros, resulte algo excesiva para achegar á xuventude a arte contemporánea.